Polo Entroido de 2008, ‘La Iguana Club’ de Vigo propuña unha festa funk-rock da man do mellor grupo galego neste estilo, os coruñeses Loretta Martin. O trío viña repasar o seu primeiro álbum “Paraíso Distante” (Falcatruada 2007) como xa fixera un ano atrás, nada máis saír o disco á rúa, daquela ante un escaso pero entusiasmado público.
A música de Loretta Martin é para desfrutar. Brais Morán (voz e guitarra), Fran Sanz (baixo) e Iago Otero (batería) comezaron a tocar xuntos no 2002, facendo blues-rock, aínda que a influenza de grupos como Jamiroquai, Red Hot Chili Peppers, Tim Maia ou Zuco 103 deixou fonda pegada na súas composicións, e decidiron ir cara ao funky.
Con calma, foi xurdindo este “Paraíso Distante” que son doce pezas nas que o funk, o jazz e a música brasileira modelan o seu son, sen outra pretensión que divertir, sen purismos mais sempre na busca do groove. Cunhas letras de ton optimista, sobre todo en galego e tamén en inglés e portugués, os Loretta Martin aseguran calidez e movemento.
Amais dos “Paraísos Distantes” o trío de A Coruña trouxo novas melodías
Do seu repertorio pódense destacar temas como “Waikiki”, “Diva” ou “Modus Vivendi”, todos de factura propia, aínda que tamén deixan caer algunha versión como “De repente”, que é a adaptación dun tema do poeta e cantante Vinicius de Moraes, figura capital da música popular brasileira contemporánea. O grupo coruñés recalaba en Vigo no marco dunha extensa xira para darse a coñecer por Galicia e Portugal, o chamado “Paraíso Tour”.
Aposta forte do selo Falcatruada
Loretta Martin foi un dos grupos de referencia de Falcatruada, discográfica especializada en artistas e grupos galegos que na súa andaina colleitou notable éxito. Nomes como Sevigny, The Homens, Silvia Penide, Narf, Nordestin@s ou Xosé Manuel Budiño formaron parte desta escudería (aparentemente finada en 2010) que vendía os seus discos non só nas tendas senón tamén por Internet.
Publicado orixinalmente en VISADO (FV) o venres 1 de febrero de 2008