Transilvanians: un ska de medo

Das catacumbas musicais de Vigo emerxen os Transilvanians, unha banda inspirada na música xamaiquina e mais nas películas de terror de “serie B” que presentou o seu novo disco en ‘La Iguana Club’ a medianoite, como corresponde a uns bós vampiros.

O grupo está composto por músicos experimentados da cidade, militantes en formacións históricas e actuais como Os Resentidos, Siniestro Total, Frangos, Skacha, Skárnio ou Dakidarría.

O baixista Tino López conta como botaron a andar: “Kino (batería) e Xabi (teclista) xa lanzaran hai uns 5 anos a idea de montar un grupo grande de música xamaiquina. A eles sumámonos uns amigos que nos coñecíamos de coincidirmos en concertos de ska, por exemplo nos de Toasters ou The Trojans; como ademais tiñamos en común a afición pola onda friki, polas películas de serie B e serie Z, xuntamos ambos conceptos para darlle unha pincelada distinta ao grupo”.

Javier Soto e Pedro Díaz ás guitarras, Almudena Janeiro como vocalista, e GDJazz, “Toñete” Rodríguez e Javier “Crossroad” cos seus metais completan a aliñación dos Transilvanians.

Móvense entre estilos como o ska, o rocksteady ou o reggae, sen obviar outros como o soul, o R&B ou o surf. Isto unido á súa paixón polos xéneros de terror, a “serie B” e a ciencia-ficción conforman unha proposta cando menos orixinal.

Xunto ás composicións propias, o repertorio en directo inclúe temas de The Skatalites, Desmond Dekker, Phyllis Dillon, The Wailers ou John Holt. “Nos primeiros concertos tocabamos só versións, loxicamente logo foron xurdindo os temas nosos, cun punto de banda sonora, cuns detalles de temática vampírica que xeran unha atmosfera entre cómica e sarcástica”, sinala Tino.

Á parte das instrumentais, o galego é a lingua principal da súas pezas. “Kingston Town / Santiago DC”, “Enmourecido” e “Arredemo” son títulos do EP que veñen de publicar co selo El Ejecutor Records, do fanzine homónimo que se edita en Marín. O disco –300 copias en vinilo e CD– foi gravado nos estudios “Muu!” de Vigo dirixidos por Pedro Feijoo, “un crack” en palabras de Tino. “Fixémolo de forma analóxica por buscar un sonido auténtico, como o dos precursores do ska”, di.


Publicado en 'Existencias Limitadas', VISADO, 20 de abril de 2007
Iván Leis

Iván Leis

Eis algúns dos meus traballos -entrevistas, noticias, críticas e crónicas- como xornalista musical en Faro de Vigo (90’s, 2000’s, 10’s)