Skárnio: o camiño é claro

Skárnio, nun concerto en Lisboa en 2007.

Catro anos despois de “Arredista”, un álbum básico para entendermos a música galega do século XXI, Skárnio volta ao primeiro plano con “O nosso caminho”, outro manifesto sonoro a ritmo de contaxioso ska e nova lección de compromiso político, o punto que fai desta unha banda moi singular na escena do país.

A formación mudou de compoñentes —dende as súas orixes hai unha década no barrio do Calvario esténdese agora como colectivo entre Vigo, A Coruña e Ourense— mais non de pensamento, amosado no título “O nosso caminho”. Contábanolo Manu, un dos dez músicos do grupo, en vésperas da presentación ao vivo dos novos temas en ‘La Iguana Club’.

Portada do CD "O nosso caminho"
Portada do CD "O nosso caminho".

“O traballo está feito con moitísimo esforzo e poucos medios, pasaron catro anos e parecía que non ía saír nunca”, di Manu, nembargantes satisfeito. “Foi complicado porque somos moitos a quedar, todos traballamos, houbo dificultades económicas e persoais”, conta, se cadra en alusión ao anterior cantante, que deixou a banda de súpeto. “Para nós foi positivo porque o doado nese intre era abandonar, mais decidimos seguir con forza adiante”.

Skárnio mantén o seu característico son multiinstrumental neste novo traballo e tamén o espíritu combativo de sempre. “Leva unha mensaxe reivindicativa; consideramos que a loita é o único camiño”. I é que “festa, loita e compromiso” seguen a ser os alicerces creativos da banda, que nas súas cancións fala sen cancelas dos presos independentistas, da defensa da Terra, da emigración, da loita da clase traballadora, da lingua, do internacionalismo...

A banda galega entende a música como “unha ferramenta de autodefensa”

Eles entenden a música como “unha ferramenta de autodefensa para o sector social que non se resigna ante a morte do noso pobo, cociñada polos poderes do imperialismo”. Manu explica a maiores que o seu obxectivo é “achegar ideas que doutro xeito sería imposible” a traverso dun estilo “que invita á festa e ó baile”. A calidade do seu ska levounos xa a tocar en Galiza toda, mais tamén noutros países.

Escoita o álbum completo neste video.

Edición “copyleft” e descargable na web

Gravado e mesturado nos estudos Area Master e Océano, por Javier Abreu, e producido por Pedro Feijoo, dos Muu Estudios, “O nosso caminho” inclúe as voces de Mini (A Quenlla), Senén (Xenreira), Juantxo (Skalariak), Almudena (Transilvanians), e as das mulleres caboverdianas-burelás de Batuko Tabanka. “Todos moi implicados persoal e musicalmente”, resume Manuel.

O novo traballo de Skárnio foi editado baixo licenza copyleft Creative Commons: “Queriamos demostrar que a autoedición é posíbel, e cunha licenza libre que permita a súa máxima difusión”. A licenza copyleft permite a copia, distribución e modificación, mentres se recoñeza a autoría, o uso non sexa comercial, e se comparta baixo a mesma licenza. Amais estará disponible de balde na súa páxina web www.skarnio.info.

En marzo de 2010 o grupo anunciou o seu “cesamento da actividade pública por tempo indefinido” neste vídeo-comunicado:


Publicado orixinalmente en VISADO (FV) o 14 de marzo de 2008
Iván Leis

Iván Leis

Eis algúns dos meus traballos -entrevistas, noticias, críticas e crónicas- como xornalista musical en Faro de Vigo (90’s, 2000’s, 10’s)